Lugo é deporte, e, en concreto, é baloncesto, estamos seguros disto e por iso apoiamos a clubs de toda a provincia que comparten a nosa ilusión e o noso esforzo creando e mantendo equipos nas nosas cidades e vilas, permitindo que miles de rapaces aprendan a importancia da práctica deportiva, o compañeirismo e o respecto que se transmite nunha cancha, fomentando dinámicas de colaboración e construíndo lazos de amizade que dificilmente se romperán.
Estamos comprometidos co deporte, como provincia e como Institución, o noso compromiso e afección son dificilmente superables, gústanos estar cos nosos cando gañan e apoialos na derrota, gústanos ser partícipes das alegrías dos nosos equipos e ver como os xogadores, de todas as categorías afánanse ata o final, desfrutando do xogo, aprendendo en cada pase e mellorando con cada rebote.
Colaboramos tamén coa celebración deste torneo, que nos sitúa no foco do deporte de base, pois teremos canda nós as mellores canteiras dos equipos españois, aos que recibimos con ledicia e agarimo.
Quero darlles os meus azos a estes preto de medio millar de rapaces, de 32 equipos, que son os verdadeiros protagonistas destes 6 días de torneo, que encherán a cidade de Lugo e a vila de Sarria de baloncesto, expectación e diversión.
Quero convidar a todos os veciños, a todos os afeccionados e afeccionadas ao baloncesto a achegarse estes días a gozar desta competición, na que poderemos ver a algúns dos que, nun futuro próximo, serán os grandes campións do baloncesto nacional.
Deputación de Lugo.