En Lugo existe un forte arraigo da práctica deportiva dende idades temperás. Vémolo a diario nas nosas instalacións deportivas, nas rúas da cidade e máis se cabe, vímolo hai dous anos coa celebración do Campionato de España de Baloncesto Infantil Maculino, un dos acontecementos de baloncesto infantil máis sinalados dentro do panorama nacional que volvemos acoller, por segunda vez, na cidade.
Este evento que se desenvolve rodeado do esforzo e paixón duns 400 pequenos e pequenas pero grandes baloncestistas, vai máis aló do ámbito estritamente deportivo, chegando a converterse en cita obrigada para as e os deportistas, adestradores e familias.
O deporte é hoxe en día un estandarte, unha sinal de identidade do concello de Lugo. Por iso, no noso compromiso de apoiar o deporte de base, esta é unha oportunidade para pór en valor unha disciplina cada vez máis potente, e que no noso municipio goza dun enorme interese, gañando cada vez máis adeptos.
Que a nosa cidade sexa escenario dunha competición deste calibre, supón que Lugo acapará os focos e a atención no ámbito nacional, permitíndonos proxectar a nosa riqueza e o noso peculiar potencial como cidade con tres Bens Mundiais -a Muralla, a Catedral e o Camiño Primitivo-. Perto tamén o patrimonio histórico, o medioambiental e o gastronómico, e como non, a hospitalidade das nosas xentes, apaixoadas do deporte de calidade como o que se disputará estes días. En deporte son moi importantes os códigos da amizade e o equipo, o respecto ou a relación entre competidores e equipos, relación que se fará extensible tamén ás e aos luceses.
O desenvolvemento dos partidos é perfectamente compatible coa inmersión nunha cidade bimilenaria, cun potente atractivo en todos os seus recunchos, dende o casco histórico ata o cinto verde do río Rato e do Miño, pasando polo Parque de Rosalía de Castro. Estou convencida de que esta visita a Lugo vai dexa pegada en todas e todos vós.
Quero agradecer ao Club Estudiantes Lugo Leyma Natura a súa dedicación para a xestión dun evento deportivo tan agradable como este campionato, que lle asegura de novo á cidade ser referente deportivo. E tamén pola ilusión e entusiasmo co que desenvolven o seu labor diario dende hai máis de 50 anos.
Dende o Concello dámosvos a benvida, e desexámosvos os maiores éxitos sobre a cancha do noso Pavillón Municipal. Sorte para estes sete días, nos que vibraremos co mellor do baloncesto infantil.
Lara Méndez López
Alcaldesa de Lugo